ENTREVISTA A GAEL, CANTANTE DE SOM DO GALPOM Imprimir E-mail
Escrito por Jose Antonio Martínez Ribas   
Miércoles, 13 de Mayo de 2009 12:42

SEGUINDO O RITMO DA MODESTIA E DA ILUSIÓN.

Foto:Oscar Dacosta

imagen/stories/gael/1.jpg

 

Dende o parque de Belvís albíscase unha das mellores panorámicas da cidade de Santiago de Compostela. Situado nunha peculiar elevación, xusto diante do antigo Seminario Menor, cunha soa ollada abárcase tanto a zona vella como a nova, as dúas pezas que compoñen o puzzle da capital. Non é un lugar moi transitado a pesar da súa beleza, polo que se converte nun entorno axeitado para atopar tranquilidade e inspiración. De ahí que para Gael, cantante do grupo santiagués Som Do Galpom, sexa o refuxio ideal para compoñer, esparci-la súa mente e relaxarse. E de ahí que nos citase alí mesmo para falar das súas sensacións agora que acaban de publica-lo seu primeiro disco, “Em terrä de ninguém”.

Para quen non coñeza a este colectivo (formado tamén por Brais, violín e coros; Zurzo, guitarras; e Aitor, batería) da Moniña, unha aldea próxima a Santiago, apuntar que xa leva metido na batalla musical dende finais de 2005, case catro anos de cancións, máis dun cento de concertos, moito esforzo e maior ambición culminados coa grabación do seu longa duración.


imagen/stories/gael/2.jpg

A súa mestura de funk, rap e reggae xa chegou tanto ós oídos galegos coma ós non galegos. Asturias, Cataluña, Madrid, Valencia, País Vasco e incluso Portugal foron testemuñas do directo de Som Do Galpom, un nome que pouco a pouco vai facendo camiño e gañando notoriedade. 

- O voso nome chama un pouco a atención. ¿Buscabades algún tipo de propósito con el?

- Si, a verdade é que ten que ver con o que é o grupo, que comezou nun galpón. O do “Som” refírese a un son propio. Dende o comezo tiñamos claro que queriamos facer un son orixinal, para nós certamente innovador. Tamén xurdiu por un xogo de palabras. “Som Do Galpom” está rimado, son dúas palabras moi redondas, soan ben. E logo ten un dobre sentido: pode ser o “Som”, o que escoitamos, ou o que son, do verbo ser. Ten varias facetas diferentes.

- Sen embargo algunha xente non sabía ou non sabe o que significa galpón, incluso xente daquí, galega.

- Cando imos por ahí fóra esa palabra non a entende ninguén. Que pasa o mesmo aquí… Pois pallete, lle dicimos á xente.

- ¿É posible que o voso nome tamén estea relacionado coa mensaxe que queredes transmitir como grupo?

- Creo que si. Identificámonos por iso e polo asunto do galego. É un nome galego que fala dunha cousa galega. A nosa aposta musical sempre a pensamos en galego, non para levar unha bandeira determinada, senón porque nos resultaba algo natural. Se ti falas en galego, e te expresas en galego coa túa xente, a túa familia e os teus amigos, é normal que a túa proposta artística sexa en galego.

- Entón, ten que ver máis coa vosa orixe que con algunha clase de reivindicación.

- En principio si. De feito non nos gusta que nos colguen a etiqueta de grupo reivindicativo. É normal que o digan porque temos letras de moito contido social, queixámonos das cousas que vemos, ó lado doutros temas máis alegres. Intentamos escapar desas etiquetas.

- Dicides que a vosa música é unha combinación de varias correntes, aínda que sen fixarse en ningunha influencia concreta. Con todo, ten que haber algunha orixe da que proceda a forma da música que facedes.

- Se son totalmente sincero, penso que non facemos caso de ningunha influencia. Co tempo que levamos nesta historia sabemos que hai grupos cos que teriamos certos paralelismos ou que se poderían tomar como referencia, e que ás veces nomeamos. Gustaríame remarcar que iso o dicimos pola xente e polos medios de comunicación, para que lles resulte doado identificarnos.

- É habitual no mundo musical: sempre hai que pór unha etiqueta,  se non o público non sabería encadrar nin recoñecer a un artista.

- Realmente foi unha invención o de funky-reggae-rap. Buscamos esa denominación porque soa ben. Por suposto hai funk, reggae e rap na nosa música. Pero é funk do Galpom, reggae do Galpom e rap do Galpom. Todo moi propio. Co tempo tamén escoitamos cousas como que grupos do estilo de Ojos De Brujo, que nos gusta moito, fan o mesmo. Non sei se é así. ¿Qué hai semellanzas con nós? Pode ser, coma con Macaco ou Terracota, un grupo de Lisboa. Todos teñen ese punto de mestizaxe, de fusión. 

Chegados a este momento da entrevista xurdiu unha das palabras máis rexeitadas no universo musical: éxito. Máis aínda a nivel local, onde éxito simplemente é subsistir e sobrevivir o maior tempo posible. E que os pucos seguidores que un grupo poida ter non desaparezan da noite á mañá. Non habería nada máis triste que unha sala de concertos valeira durante unha actuación en directo. 

- Co tempo fostes gañando moito público. ¿Tivo algo que ver que esa xente vía en vós elementos doutros grupos semellantes? ¿Cal foi a receita para acadar ese éxito?

- Non teño claro o concepto de éxito.

- Alomenos éxito relativo. Si que hai moita máis xente da que se podería pensar que vos escoita e vos segue.

- Non sei se se pode falar de éxito ou non. Está claro que hai unha xente ahí que nos apoia.

- Éxito sería que haxa alguén que te escoite, que esa situación cada vez vaia a máis.

- Foi un proceso, unha evolución. Comezou co propósito principal de chegar á xente. Estabamos fartos da música que había, sen querer meterme co resto de estilos musicais: rock, xa había tantos grupos; pop, o mesmo; tamén pasaba co rap e o reggae. Queriamos chegar á xente como dándolle un caramelo dun sabor novo. Creo que iso foi o primeiro que captou o público. Ti ves a Som Do Galpom e dis: ¿isto a que se parece? ¿A nada? ¿Dame un punto orixinal, algo que non escoitei, que lle da aire fresco á miña orella? Iso en primeiro lugar, que a nosa aposta fose innovadora e orixinal. En segundo, decidimos tocar, tocar e tocar. Non dixemos non a nada e tocamos moitísimo.

- Os directos foron fundamentais.

- Si, gracias a eles chegamos á xente. E para iso non vale só con ensaiar cinco ou seis días á semana. Se non dás directos non chegas á xente. Tes que tocar todo o que poidas, nas cidades, nas vilas, nas aldeas... Hai que actuar en tódolos sitios.

- Tamén tivo que ver a exposición que vos proporcionou Internet, coa vosa web e o myspace.

- É unha ferramenta que axuda. O medio dixital hoxe en día é moi utilizado. Non é algo que me guste demasiado pero existe e moitos grupos actualmente o usan. Creo que ten o seu interese porque dá importancia e difusión ós grupos.

- Nese medio fostes publicando as vosas cancións, ata que sacastes agora o disco, aínda que antes xa tiñades un pero non denominado como tal.

- Era unha maqueta. Pero estaba tan ben editada e deseñada que o público a confundiu cun disco. Compoñíase de seis temas, sacados do que tiñamos ata aquel momento. Ademáis eramos outra formación diferente, e xusto nese intre decidiramos incluir batería. Aparte tiñamos algunha canción que iamos colgando no noso myspace, e logo chegou o premio de “Ensaio no camiño”. A partir de ahí grabamo-lo disco e realmente estamos contentísimos.

- ¿Como foi a grabación? Despois de ler o voso blog un pensa que vos custou un pouco. Sempre se fala do mito de que os grupos, cando se enfrontan á elaboración dun disco, pasan por momentos de gran esforzo e tensión. ¿Chegastes a ese extremo?

- Non, pero non foi doado. Dalgunha maneira teste que espir diante dos micrófonos. Tes que sacar o mellor de cada membro do grupo e de todos en conxunto. Vivimos momentos duros, moi desgarradores, como chegar a grabar un tema moi emotivo e rematar chorando. Igual o pedía o tema... As sensacións foron moi fortes.

- Iso tampouco é moi habitual, porque cando un grupo se mete no proceso de grabación dun disco o converte nun traballo máis, nalgo rutinario, nunha obriga. Sorprende un pouco o que dis...

- Tratamos de conseguir co disco captura-la esencia do que era o grupo nese momento, coma unha “foto-finish”.

- Coma un reflexo do momento do grupo.

- Efectivamente. E de que levabamos tres anos coa nosa historia, que ó final logramos grabar ese disco, que fixemos cento e pico concertos, que tiñamos esas cancións gardadas... É todo un reflexo de como eramos nós e de como tocabamos. Igual sería mellor grabalo dentro de dous anos, ou non. O que está claro e que ahí está a verdade do que eramos naquel momento.

- ¿Non pensastes que ese resultado tan persoal, pasados dous ou tres anos, xa no soará igual que agora, aínda moi recente?

- Este disco ten a capacidade de gustar cada vez máis, e refírome sobre todo a nós, ó grupo. Xa o comprobei a día de hoxe. Recén saídos do estudio escoitei o disco e me gustou. Pasou un mes e me agradou máis, aínda que tampouco o escoitei moitas veces, creo que ningún de nós o fixo. É coma un fillo, e ós fillos os queres pero bueno... Eu non son dos de escoitar o que un mesmo fai. Pero teño a sensación de que cada vez nos gusta máis.

- ¿O título do disco, “Em terrä de ninguém”, fai referencia a algo determinado, ten algún siginificado?

- Ó principio saiu como tal cousa. Había que atopar un nome para o álbum, pero tampouco foi doado. Xurdiu o de “Em terrä de ninguém” en relación á nosa propia música. Parecía que estabamos indo cara adiante nun terreo musical, por dicilo dalgunha maneira, sen explorar. Nos atopabamos en terra de ninguén, e nos preguntabamos: ¿onde está Som Do Galpom? Pois en terra de ninguén, polo menos neste momento, neste disco. Esperemos que haxa máis grabacións e igual así xa estaremos en terra doutra cousa, ou non estamos nin na terra... “Em terrä de ninguém” é tamén algo ambiguo. Gústame que a xente interprete o queira. O que pense eu non é necesariamente o significado dese título, senón que cada un lle ten que da-la súa propia interpretación.

- Pode ser que gracias a esa ambigüidade do título, tanto aquí en Galicia como fóra da comunidade, onde a xente non vos entende sobre todo polo idioma, consigades que se capte esa intención de non querer encadrarvos nu estilo ríxido.

- O título axuda, máis fóra de Galicia. A xente sorpréndese. Ve un grupo que fai un tipo de música que mesmo no lle soa moito, que canta en galego, e ten a dúbida: ¿pero isto que é? Dalgún xeito o título do disco favorece a dar unha resposta. 

Nas palabras de Gael nótase ó mesmo tempo motivación e emoción ante o estado actual do grupo. Todo é novo para eles. O seu sentido de humor tamén permite tratar temas relativamente polémicos que non supoñeron ningún obstáculo na súa carreira. É o que ten moverse na feira da música, onde ás veces hai que toma-lo papel de diana e saber recibir con filosofía os dardos das críticas. 

- Falando da xira, entre os concertos que xa destes e os que vos esperan, e despois de todo o que pasates coa confección do disco, ¿merece máis a pena tocalo en directo?

- Agora toca defendelo en directo, é do que se trata. Que funcione o álbum desa maneira, sen falar de vendas. Sabemos de sobra que ninguén de nós vai vivir de vender discos. Cando falo de que funcione refírome a que a xente acuda ós concertos, coñeza as letras e que lle guste a nosa música. Para nós é como un punto máis dentro do noso currículum vitae: primeiro tiñamos unha maqueta, despois chegou o disco... Son as cousas que deixan ver firmemente o que fixo e fai o grupo, o que ten detrás. As bandas grandes se contan polos discos que grabaron, que van enchendo a súa carreira. Xa temos un LP, dunha hora, a xente nos pode escoitar na súa casa, aprende-las letras e baila-los temas. Entón despois o directo gaña moitísimo. É un momento importante para Som Do Galpom. Xa que se non se venden discos polo menos hai que vivir do directo, onde hai que demostrar todo. Medramos no directo, somo o directo.

- Compróbase porque estades bastante solicitados. De feito pódese dicir que incluso tamén naqueles círculos nos que en principio non pensabades aparecer, con outros grupos que non teñen nada que ver con vós.

- Recordo un concerto organizado pola SGAE (con Deluxe, Iván Ferreiro e Quique González, entre outros). Que conste que non temos que ver nada con esa sociedade. Foi totalmente fortuito. É máis, diría que non estamos de acordo cos plantexamentos da SGAE. Si que suscitou algunhas críticas, que nos chegaron por algúns amigos, dicindo que nos venderamos. Pero nós tocamos alí porque nos chamaron e tivemo-la oportunidade. Non somos socios da SGAE, confundíronse os termos.

- Ese é o perigo, que evolucione a vosa traxectoria pero non na mellor dirección, na que vos cheguen palabras ou comentarios negativos.

- Iso non gusta moito. Con todo, penso que a día de hoxe está todo moi claro. Queda ben dito: nós coa SGAE non temos relación e non pensamos tela. Co tempo non o sei, son das persoas que nunca din nunca. Non sei que pasará. Agora o temos clarísimo, non queremos saber nada deles.

- Pensando no que pode vir, tendo en conta que vivir da música é compricado e máis a nivel local, ¿como vos plantexades o futuro?

- O que intentamos é traballar de maneira profesional para algún día chegar a ser profesionais. Pode que non o logremos, e non nos importa se cobramos máis ou menos, pero sempre imos ter unha actitude profesional, iso garantizado. Sempre nos portamos moi ben, dámolo todo no directo. O que deparará o futuro non o sei. Eu agora mesmo estou sen emprego, e algún máis do grupo está na mesma situación. Non quero dicir con isto que estea a vivir do grupo porque non é así. Aquí en Galicia é moi difícil vivir da música. Hai que combinar traballos: estás nun grupo, ou incluso nun par de grupos, das os teus bolos, das unhas clases particulares de guitarra ou eres profesor de canto, do que sexa.

- ¿Som Do galpom é coma un reto persoal, para alomenos estar orgullosos do que facedes?

- Para nós de momento é todo unha ilusión. O que non quero é que me quiten as gañas de soñar. Mentres a xente do meu arredor, a miña familia e os meus amigos, me apoien o resto dá igual. Estou vivindo este soño, e cada un dos compoñentes da banda, e por ela o damos todo. O futuro é incerto pero sempre imos actuar de forma profesional, ensaiando moito e dando a cara nos directos, que é o que hai que facer.

 

 

Última actualización el Miércoles, 13 de Mayo de 2009 12:47
 

Agrega tu comentario

Tu nombre:
Título:
Comentario:
  La palabra para verificación anti SPAM. Letras minúsculas sólamente y sin espacios.
Palabra de seguridad:

Búsqueda